Fallo dos Premios OSÍXENO e DIOXINA 2007
Un ano máis, e van xa 7 edicións, a Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) falla os premios OSÍXENO e DIOXINA, que pretenden recoñecer a millor e pior actuación de persoas ou colectivos a prol (premio osíxeno) ou en contra (premio dioxina) do medio natural.
A delegación de de ADEGA en Compostela instituiu estes premios á repercusión que determinados comportamentos teñen sobre o medio ambiente no ano 2000 inicialmente cun carácter local, pero a súa relevancia fixo que pronto acadaran un carácter nacional. En anteriores convocatorias foron premiadas co premio osíxeno institucións, colectivos e persoas como o Voluntariado Ambiental en Defensa do Monte (2006) . Na banda contraria, empresas como Fenosa (2001), e colectivos coma os incendiarios responsábeis dos lumes de 2006, foron tamén “recoñecidos” co premio dioxina polas consecuencias negativas da súa política insustentábel.
O pasado ano, ADEGA ampliou o carácter destes premios establecendo dúas modalidades, para recoñecer o labor tanto de colectivos como de persoas en cada unha das categorías.
Deste xeito, os/as premiados/as nesta edición de 2007 son:
Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do ano:
-Categoría colectivo: Ás plataformas cidadás en defensa do litoral (Corrubedo, Seráns, Quilmas, Arou, Camelle, Merexo, Xove, Foz…) e contra o Plano Acuícola da Xunta, porque o seu compromiso en defensa do noso patrimonio natural e contra o insustentábel Plano Acuícola da Xunta é un exemplo para toda a cidadanía galega.
-Categoría individual: Ao Prof. Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía, pola súa irrenunciábel defensa do Patrimonio Xeolóxico galego, a súa valente denuncia dos impactos das canteiras e a súa honradez e coerencia á hora rexeitar, no nome da institución que preside, o recoñecemento que a patronal da minería e canteiras (Cámara Mineira) quixo facerlle.
Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel:
-Categoría colectivo: Ás empresas do grupo Villar Mir, pola súa falta de sensibilidade ambiental, total desprezo polo patrimonio natural de Galiza e por seren responsábeis de graves agresións aos ríos (Xallas), rías (Corcubión), paisaxe (minas e canteiras), atmosfera…
-Categoría individual: Ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez, por ser cómplice do estragamento dun castro (o da Atalaia en San Cibrao) malia a estar advertido pola D. X. de Patrimonio, e permitir coa súa actitude recalcitrante a urbanización da zona, un espazo litoral de alto valor natural e patrimonial.
Os premios entregaronse no decurso da cea de Nadal que tivo lugar este sábado 22 de decembro en Compostela ás 22 horas, no mesón-restaurante “A Caldeira de Pedro Boteiro”, rúa de San Pedro 32, Compostela.
Acerca de esta Entrada
You’re currently reading “Fallo dos Premios OSÍXENO e DIOXINA 2007,” an entry on QUILMAS.COM
- Publicado:
- Diciembre 25, 2007 / 3:24 pm
- Categoría:
- PREMIOS
- Etiquetas:
Todavía no hay comentarios
Ir al formulario de comentarios | comment rss [?] | trackback uri [?]