Xa hai un borrador da Proposición de Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para a Conservación do litoral

Adega e o colectivo Galiza NON se vende, do que a Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas forma parte, veñen de rematar o borrador dunha Proposición de Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para a conservación do litoral galego.

A proposta presenta, a través de nove artigos, as medidas que compre tomar ata que a Administración Autonómica desenvolva un Plano de Ordeamento de Litoral,e apunta a suplir a carencia en Galiza dunha lei definitiva de protección dos 500 metros, como a que xa teñen Asturias e Portugal.

O artigo 1º corrixe unha ambiguedade da Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral pola que a suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na franxa dos 500 metros quedaba limitada aos dous anos seguintes á promulgación da Lei.

O artigo 2º propón a suspensión do desenvolvemento e a tramitación administrativa de todos os Planos Sectoriais e outras infraestruturas territoriais con incidencia sobre o entorno litoral na franxa de 500 metros até a aprobación do Plano de Ordenación do Litoral, independentemente da catalogación do chan.

O artigo 3º propón unha modificación da Lei do solo pola que os núcleos rurais e urbanos situados na franxa de 500 metros non poderán ser ampliados en dirección ao mar agás en casos excepcionais nos que o Consello da Xunta o autorice expresamente e dacordo coas directrices do Plano de Ordenación do Litoral.

Os artigos 4º,5º,6º modifican os usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma en solo rústico de especial protección agropecuaria e forestal, en solo rústico de especial protección de aguas, costas, de interese paisaxístico e de patrimonio cultural e en solo rústico de especial protección de espazos naturais, e suprimen a posibilidade de autorizar instalacións de acuicultura neste último tipo de chan. Engádese que os usos autorizados non poden conlevar en ningún caso a transformación da natureza rústica do solo e teñen que garantir a integridade dos valores obxecto de protección.

O artigo 8º prohíbe aos municipios a aplicación do sistema de concesión de obra urbanizadora nos núcleos rurais e urbanos situados na franxa de 500 metros.

Para prosperar como iniciativa lexislativa o texto, que acadará forma definitiva a finais de Abril, terá que ser refrendado por 15.000 firmas.

https://quilmas.wordpress.com/borrador-ilp/; http://quepasanacosta.com/; http://www.galicia-hoxe.com/.


About this entry