Quilmas acolleu a asemblea de Adega-Costa da Morte

O pasado sábado 19 de abril de 2008, o local da Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cutural de Quilmas acolleu unha asemblea da sección da Costa da Morte da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). O gallo da xuntanza foi a reorganización das delegacións que atinxen a esta zona, co fin de conseguir unha maior operatividade.

Como resultado da reorganización a antiga delegación de Adega na Costa da Morte dividiuse en dúas : unha nova de Bergantiños, que abarcará os concellos dende Laxe cara o norte, incluíndo Ponteceso, Cabana, Malpica, Laracha e Carballo entre outros, e a antiga delegación da Costa da Morte, que dende Camariñas abarcará todos os concellos costeiros ata Muros, incluindo Zas, Mazaricos e Vimianzo.

O Presidente da delegación da Costa da Morte será Xosé Manuel Casais González, da Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cutural de Quilmas, o secretario, Luis Miguel Suárez Pérez, da Asociación A Pergoliña de Camelle, Camariñas, e o tesoureiro, Xosé Xoán Bermúdez Tajes, da Asociación de Veciños Arouca, de Arou, Camariñas.

Adega pretende pasar por cada concello para abordar os principais problemas medioambientais. A pasada semana visitou Muxía para entrevistarse co alcalde, Félix Porto, sobre os parques Muxía 1 e Muxía 2, contemplados no Plano Eólico, e a granxa de Merexo.
http://quepasanacosta.com/.


About this entry