Representantes de 14 organizacións sociais concentraronse onte en Compostela contra as ameazas que sofren o litoral e a costa de Galiza

O secretario executivo de Adega esixiu a inmediata retirada do Plano Acuícola.

A concentración coincidía co remate da Semana Galega do Medio Ambiente e a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, adicado este ano á sensibilizar sobre o abandono do carbón para frear o cambio climático. Nesta liña, Eirexas lamentou que en Galiza se localicen “as dúas centrais térmicas de carbón máis contaminantes de España, Meirama e As Pontes” e que a comunidade “estea á cabeza de toda Europa en emisións de dióxido de carbono por habitante”. “Estamos a soportar estes impactos sen compensación nin beneficio”, dixo, “… e os estados teñen que obrigar as empresas a que vaian substituindo o carbón por enerxías alternativas”.

Con respecto ao Plano Acuícola, comentou que “non se pode pensar que a pesca en terra é a solución para ter un sector pesqueiro vital; as nosas rías poden producir máis se as limpamos e evitamos os impactos. A solución é mirar máis pola nosa ría e menos polos peixes de cemento que programa a Xunta”. “Está claro polo que hai que apostar, pero se a Xunta quere apostar por outra cousa, vainos atopar en fronte de cada localización de cada xigantesca granxa da morte, que é o que son as piscifactorías”, advirtiu. “Por 1.800 postos de traballo” non se poden “contaminar e ocupar tres millóns de metros cadrados de costa virxe”, concluiu.

A lectura do manifesto correu a cargo de Xurxo Souto e rematou entre cánticos de “Galiza non se vende” e “Pesca de baixura e non de acuicultura” por parte dos colectivos concentrados: Adega, Amigos da Terra, e as asociacións en defensa do litoral de Merexo, Camelle, A Xandriña, Seiruga e Quilmas, entre outros.http://www.galicia-hoxe.com/, http://www.elpais.com/, http://www.lavozdegalicia.es/.

Mentres se celebraba o acto, unhas 3000 persoas manifestábanse en Ferrol contra Reganosa noutra manifestación convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.http://www.vieiros.com/.


About this entry