PROPOSICIÓN DE LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA A CONSERVACIÓN DO LITORAL GALEGO (Borrador 2. 14/2/2008)

PROPOSICIÓN DE LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA A CONSERVACIÓN DO LITORAL GALEGO (Borrador 2. 14/2/2008)

Exposición de motivos

O litoral de Galiza, entendido como tal o espazo marítimo terrestre no que tanto dende a perspectiva físico-natural como da ordenación territorial, confúen a litosfera, a hidrosfera e a atmosfera, constitúe un dos sinais de identidade do país. Á variedade de formas xeomorfolóxicas, de unidades paisaxísticas e de comunidades biolóxicas únese tamén unha riqueza de formas culturais e mesmo modos de producción vencellados aos espazos costeiros que son parte do noso cenario vital, da nosa identidade como pobo e do noso futuro colectivo.

O litoral galego abrangue uns 1195 quilómetros de lonxitude, máis do 30% de toda a costa da península Ibérica. Conta cos meirandes cantís da Península, de até 600 m de altura na Serra da Capelada; rasas mariñas, numerosas illas e illotes e unha variada xeolómorfolóxía costeira, na que sobrancean as rías. Arredor dun terzo deste litoral, uns 600 km, está conformado por praias e outros areais, incluíndo as áreas dunares. Combínanse e coexisten medios de elevada produtividade biolóxica (rías, lagoas, xunqueiras litorais…) con outros de condicións extremas para a vida (areais, cantís…).

Porén, esta variedade e singularidade non ten sido convenientemente preservada polas administracións públicas nen respectada dende o ámeto privado. O litoral de Galiza atópase suxeito a unha normativa de protección ineficaz dada a complexidade de actividades que nel se desenvolven (extractivas, construtivas, infraestruturas de transporte, obra civil, turismo e lecer, etc) e a superposición de competencias que sobre el conflúen (concellos, Xunta, ministerios de Medio Ambiente, Fomento, Defensa…). O desenvolvemento urbanístico e industrial descontrolado, unhas ineficaces políticas de ordenación do territorio e un concepto errado do progreso moi alonxado da sustentabilidade, provocou a destrución de partes importantes do noso litoral nun proceso que se acelerou nos últimos anos e que ameaza con asolagar definitivamente a costa galega baixo unha marea gris de cemento.

Este modelo de ocupación do territorio non é compatíbel co desenvolvemento equilibrado e sustentábel de Galiza e causa graves prexuízos económicos, sociais e ambientais, xa apontados pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral, como son: a ineficiencia económica polos elevados custos enerxéticos, de construción e mantemento das infraestruturas e de prestación dos servizos públicos; a segregación social e espacial; a contaminación atmosférica e das augas; a perda de espazos de cultivo e da biodiversidade; a degradación da paisaxe e do patrimonio cultural, e a perda da identidade territorial. A isto hai que engadir a irreversibilidade dalgúns destes efectos polo que se fai urxente incidir no establecemento de novos instrumentos lexislativos para preservar os valores do litoral e garantir o seu uso con criterios de sustentabilidade económica, social e ambiental, máis aló dun horizontre temporal a curto prazo.

A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galiza, criou instrumentos para a coordinación da política territorial e a ordenación do espazo do país, orientados a favorecer a utilización racional do territorio galego e protexer o medio natural, mellorar a calidade de vida e contribuír ao equilibrio territorial. Porén, dende a promulgación desta norma, aínda non se aprobaron unhas as directrices de ordenación do territorio, alén dos planos territorias integrados, programas coordenados de actuación e planos de ordenación do medio físico, imprescindíbeis para integrar as políticas públicas sobre o territorio.

Por outra banda, a lei a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, considera que a ordenación urbanística dos terreos situados na franxa de 500 metros dende a ribeira do mar afecta os intereses autonómicos dado o valor do litoral como recurso natural e ambiental non renovábel (artigo 85.7.d) e prevé un instrumento específico -o Plano Sectorial de Ordenación do Litoral- no que se recollerán as condicións específicas deste ámeto territorial (disposición transitoria oitava).

Polo que respeita ao planexamento urbanístico dos concellos, e apesar de estar xa rematado o prazo de tres anos (disposición transitoria segunda, epígrafe 1.a) disposto na Lei 9/2002 para adaptar o planexamento urbanístico, a gran maioría dos concellos galegos, incluidos os costeiros non acomodaron o seu PXOM á normativa urbanística e ambiental actualmente vixente, resultando francamente incompatíbeis coas mínimas esixencias de sustentabilidade económica, social e ambiental. O xeralizado incumprimento da norma pola falla de adaptación do planexamento á lexislación vixente resulta especialmente grave na franxa de 500 metros dende a ribeira do mar que atinxe aos intereses autonómicos, segundo establece o artigo 85.7.d) da Lei 9/2002, polo que os interese públicos na preservación do litoral como recurso natural e cultural non renovábel, vense seriamente lesionados.

A recente Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza tentou solventar algunha destas eivas, sobre todo no tocante ao ordenamento do solo urbanizábel, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico situado nunha franxa de 500 m terra adentro dende o límite da ribeira do mar (art. 3.2.a). Nese espazo suspendíase a tramitación e aprobación dos planos especiais de reforma interior, planos parciais, de sectorización e instrumentos de equidistribución que teñan por obxecto a transformación urbanística (art. 3.1). No entanto, os efeitos desta suspensión teñen só carácter temporal e abranguen un periodo de dous anos dende a súa entrada en vigor (maio de 2007) ou até a aprobación do Plano de Ordenación do Litoral por parte da administración autónoma ou do PXOM adaptado integramente á Lei 9/2002, por parte dos concellos.

A limitada perspectiva temporal das medidas cautelares urxentes fixadas na Lei 6/2007 e o feito de que só atinxira ao desenvolvemento urbanístico dos concellos costeiros, obviando os efeitos que outras instalacións (polígonos industriais) ou planificacións de carácter supramunicipal (infraestruturas portuarias, planos sectoriais eólico, enerxético, acuícola, etc.) poden ter sobre o espazo litoral, fan que esta Lei 6/2007 non garanta suficientemente a protección dos valores da franxa litoral galega.

Neste senso, as medidas contidas na presente Proposición de Lei están orientadas a garantir a axeitada tutela dos intereses públicos na franxa litoral de 500 metros dende a ribeira do mar, e a salvagardar os valores naturais e culturais do litoral de Galiza máis aló dunha limitada perspectiva temporal e ampliando as cautelas a outros instrumentos de intervención e ordenación territorial.

Artigo 1 (de modificación): O artigo 4.1, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza, referente ao alcanzo da suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na franxa litoral de 500 metros contados dende a ribeira do mar, fica redactado como segue:
“Artigo 4.- Alcanzo da suspensión.
1. As medidas de suspensión ás que se refire o artigo 3 da Lei 6/2007 serán aplicábeis aos municipios costeiros até o que dispoña o Plano de Ordenación do Litoral e sexa aprobado un Plano Xeral de Ordenación Municipal adaptado íntegramente á Lei 9/2002, do 30 de decembro, incluindo as modificacións contidas na presente Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para a Conservación do Litoral Galego”.
Artigo 2. Queda suspendido o desenvolvemento e a tramitación administrativa de todos os Planos Sectoriais e outras infraestruturas territoriais de incidencia sobre o entorno litoral na franxa de 500 metros contados dende a ribeira do mar, independentemente da catalogación do chan, até a aprobación do Plano de Ordenación do Litoral.
Artigo 3 (de modificación): Modifícase o seguinte parágrafo do artigo 13.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, que fica como segue:
– ”Os núcleos rurais e urbanos situados na franxa de 500 metros dende o límite interior da ribeira do mar non poderán ser ampliados en dirección ao mar agás nos casos excepcionais nos que o Consello da Xunta o autorice expresamente, pola especial configuración da zona costeira onde se atopen ou por motivos xustificados de interese público, xustificando a necesidade da iniciativa, a oportunidade e a súa conveniencia en relación co interese xeral, e dacordo co que dispoñan as directrices do Plano de Ordenación do Litoral”.
Artigo 4 (de modificación): Modifícase o epígrafe 2 do artigo 37 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, referido aos usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma en solo rústico de especial protección agropecuaria e forestal, que fica como segue:
“2. Usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma:
– En solo rústico de protección agropecuaria, serán autorizábeis os usos relacionados no apartado 1, letras a e d, e no apartado 2, letras a, b, d, e, h, j e k, do artigo 33 da presente Lei, así como os que poidan establecerse através dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación del territorio, sempre que non conleven a transformación urbanística dos terreos nen lesionen os valores obxecto de protección.
– No solo rústico de protección forestal, poderán autorizarse os usos relacionados no apartado l, letras a e d, e no apartado 2, letras a, b, c, d, e, g, h, j, e k, do artigo 33 sempre que non conleven a transformación urbanística do solo nen lesionen os valores obxecto de protección.”
Artigo 5 (de modificación): Modifícase o primeiro parágrafo do epígrafe 2 do artigo 38 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, referido aos usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma en solo rústico de especial protección de aguas, costas, de interese paisaxístico e de patrimonio cultural, que fica como segue:
“2. Usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma:
– Os relacionados no apartado l, letra a, e no apartado 2, letra e, deo artigo 33 da presente Lei, así como as actividades vencelladas directamente coa conservación, utilización e desfrute do dominio público, do medio natural e do patrimonio cultural, e os que poidan establecerse através dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non conleven a transformación da súa natureza rústica e fique garantida a integridade dos valores obxecto de protección.”
Artigo 6 (de modificación): Modifícase o primeiro parágrafo do epígrafe 2 do artigo 39 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, referido aos usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma en solo rústico de especial protección de espazos naturais, que fica como segue:
“2. Usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma:
– Os relacionados no apartado l, letra a, e no apartado 2, letras e e f, do artigo 33 da presente lei, así como as actividades vencelladas directamente coa conservación, utilización e disfrute do medio natural, e os que poidan establecerse através dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non conlleven a transformación da súa natureza rústica e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección.
Artigo 7 (de supresión): Suprímese o segundo parágrafo do epígrafe 2 do artigo 39 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, referido aos usos autorizábeis pola Comunidade Autónoma en solo rústico de especial protección de espazos naturais, concretamente ás condicións para autorizar instalacións de acuicultura neste tipo de chan.
Artigo 8 (de engádega): Engádese un novo epígrafe, o terceiro, ao artigo 161 da sección 6ª do capítulo VI, da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza, relativo ao sistema de concesión de obra urbanizadora:
“3. O sistema de concesión de obra urbanizadora non será de aplicación nos núcleos rurais e urbanos situados na franxa de 500 metros dende o límite interior da ribeira do mar.”
Artigo 9. A presente lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galiza.



Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s



A %d blogueros les gusta esto: